Saturday 27 de April de 2024

Un total de 31 ofertas presentadas á renovación da Avenida da Coruña entre o Caramecheiro e a Praza dos Estudantes


O Concello de Ribeira informa de que rematado o prazo de presentación de ofertas resultaron 31 o número de propostas presentadas á actuación dirixida á renovación de servizos e pavimentación na avenida da Coruña, no seu tramo entre a rúa Caramecheiro e a praza dos Estudantes: unha actuación que, valorada en 332.834,85 euros, prosegue coa renovación desta vía, unha das principais portas de entrada e saída da cidade ribeirense.
Conforme ao proxecto elaborado polos técnicos municipais, a actuación inclúe a renovación das beirarrúas en ambas marxes da calzada (448 na esquerda e 404 metros na dereita, é dicir, na máis pegada ao mar). A tal efecto colocarase baldosa de formigón de cores gris escura e branca en sintonía coas fases anteriores. En todo o itinerario se mellorará a accesibilidade.
Así mesmo, serán renovados tanto a rede de pluviais como as de saneamento e auga potable. Para as augas pluviais disporanse tubaxes corrugadas de PVC de 315 milímetros de diámetro en ambos marxes (de 428 metros na esquerda e 247 metros na dereita). Para o saneamento, colectores de PVC compacto de idénticas lonxitudes. E en canto ao abastecemento de auga, tubaxes de PVC de alta
densidade de 160 milímetros con longos de 430 metros na marxe esquerda e 160 na dereita.
O prazo de execución son cinco meses.A obra adscríbese ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2019.